sábado, 14 de agosto de 2010

ECOS DE SOCIEDADE





No Faro de Vigo había unha sección dedicada ás vilas da rexión e nela os correspondentes da vila escribían os chamados “Ecos de sociedad”.

O correspondente do Faro de Vigo en Gondomar era un barbeiro que ademais de rapabarbas era o encargado do correo, ou sexa o que hoxe se chama “multiempleo”.

A saca da correspondencia traíalla dende a Ramallosa no tranvía das once da mañá seu irmán Felix, que tamén exercía de barbeiro na Ramallosa e era moi temido polos rapaces pois todos sen facer distingos rapábaos meténdolle a maquinilla ao cero e soamente lles deixába un pequeno “flequillo”.

Felix recollía na Ramallosa a saca do correo que viña no furgón de correos e mercadorías que viña enganchado no tranvía de Vigo a Baiona e ía no ramal do tranvía que facía o percorrido de Ramallosa a Gondomar, deixáballe a saca a seu irmán e sen baixar do tranvía facía o percorrido a inversa.

Ambos os dous irmáns tiñan xa o pelo branco e cortado ao “cepillo” pero deberon ser rubios pois tiñan a pel moi branca e os ollos claros de azul esvaecido. Os dous eran altos pero o Félix era máis forte ca Laureano que era máis enxoito e con pinta de máis feble.

Laureano gabábase das súas ocupacións e sempre quería intervir nas conversas dos demais, xa fose no café de Lis ou noutro lugar. Así pasoulle que alá polo mes de marzo, escoitando unha conversa no dito café de Lis alguén comentou que tiña que mandar algunha cousa a Vigo, e el que estaba á espreita dixo axiña:

- Para decembro vou eu a Vigo.

Nunca tal dixera pois dende aquela quedou o dito e cando alguén comentaba que tiña de facer algunha xestión en Vigo, dicíanlle:

- ¡Non te amagues que para decembro vai Laureano a Vigo!

A barbería do Felix, que estaba a carón do Bar Mineiro, coma todas as barberías e as reboticas das farmacias, era o lugar onde chegaban todos os os contos, chismes e noticias da bisbarra. Ademais el estábache sempre co ollo e o ouvido á espreita de suceso que lle servise para mandar ao Faro de Vigo e dar así a imaxe de que Gondomar era tan importante como se fose “o cu do Mundo”.

Así no Faro de Vigo podían lerse as novas dun xeito coma este:

Procedente de Madrid donde reside, saludamos a D. Antonio Peralba acompañado de su esposa y familia que como es habitual pasará en estos parajes la temporada de verano.

Ou:

En el día de ayer se reunieron los componentes de la Dirección del Hospitalillo de Gondomar con la presencia del parroco Mariño.

O caso é que a Laureano dábaselle mal escribir e botaba man de mozos ou rapaces estudantes para que lle escribisen a noticia que despois el mandaba ao Faro de Vigo para ser publicada. E xa se sabe como son os rapaces. Fixéronlle mais de unha.

Unha delas foi máis ou menos esta:

El pasado fin de semana fue atendida de parto la burra del Penisco, nos congratulamos de saber que ambas, madre y descendiente gozan de buena salud.

Ou esta outra:

Con motivo de la festividad de la Virgen del Carmen deseamos felicitar en su onomastica a todas las señoras de Gondomar que llevan ese nombre, especialmente a Carmen do N.........

A tal Carmen do N........ parece que lle facía favores pagados a os homes nos arredores da Feira do Doce e a nota do periódico deu moito que falar e o noxo do rapabarbas foi ben sonado.

viernes, 6 de agosto de 2010

AS ROSQUILLEIRAS







As rosquilleiras non podían faltar nunha festa ou romaría. Pouco ou nada había de valer a festa ou a romaría se elas estaban a faltar.

Amais das rosquillas que vendían polo día e que a xente –case toda a xente que acudía á festa, pois se non levaba rosquillas para a casa érache como se alí non estivese- pero sobre todo os rapaces mercaban, pola noite, no escuro, algunhas delas vendía ou facía outros favores a homes, mozos, e se cadraba tamén a rapaces.

As rosquillas de máis fama eran as de Ribadavia pero poucas veces chegaban ás festas da bisbarra do Val Miñor. No Val as que máis se vendían eran feitas en Gondomar polo Cristaleiro, Lauréana ou outros fornos de cocer o pan que aproveitaban para acadar uns cartos extras.

Os panadeiros facían a masa e estirábana nuns taboleiros e as rosquilleiras – que as chamaban para este traballo- cun molde de lata de dous círculos concéntricos que apertaban contra a masa estirada, dábanlle a forma á rosquilla e aproveitábase o círculo do centro para facer os melindres.
A masa tiña tanto fermento –maiormente bicarbonato- que con só arrimar o taboleiro á boca do formo as rosquillas e os melindres inflábanse coma globos e crecían máis dun centímetro.



Despois de forneadas as rosquillas e os melindres, bañábanas cun xarope branco que tiñan nunhas tallas grandes de ferro e enfiábanas nuns paus para que callase e secase o xarope.

O caso é que nestas faenas botaban dende a tardiña ao amencer e as rosquilleiras para entreterse mentres traballaban non paraban de falar e cantar. Todo canto pasaba na bisbarra contábase alí as máis das veces coa retranca que conviña ao caso: Se fulaniña estaba falando con..... Se andaba con outro a muller de ..... Se o home púñalle os cornos a.......Se os de.....ían a misa ou non. Non quedaba ninguén sen pasar pola boca daquelas mulleres.
E non era menos o galo que tiñan das falcatrúas que facían nas festas: Que había que ver ao rapaz dos.... como se arrincara a foder. O home da .... que ben o facía. Así é que escoitándoas podería escribir un novo Decamerón axeitado aos contos da bisbarra.

Iso para contar o que sabían dos demais porque ben sabían contestar con retranca ao que non lle conviña.

Había unha xa maior, que almorzaba un vaso, si, un vaso ben cheo, de augardente e un anaco de pan de millo que por vez amolecía mollándoo na augardente. Chamábase María.

Un día, a dona do forno, Lauréana atreveuse a preguntarlle:

-María, e ti, ¿cantos anos tes?

E ela moi fachendosa contestoulle:

¡Ora, miña Nai morreu aos setenta, bótelle a conta!

CONCHA





Choncha estábache tan ligada á pesca no río Miñor como o “Mudo”.

O “Mudo” érache pequeno, espelido, moreno de soles e ventos do mar, de ollos vivaces e gastaba un bigote ao xeito do pintor Dalí ou máis grande, que pasaba por ser o mellor pescador do río Miñor.

Ela, Choncha como lle gustaba que a chamasen, vivía ao carón da ponte da Ramallosa e tiña unha gamela pintadiña de branco e coa borda pintada de azul que lle dan ao mar ese ton de paisaxe habitado. Amarrábaa a un morrón que había na rampla do recheo -que polo visto foi feito para pór unha fabrica de vidro que nunca chegou a ser- e estaba na banda de Baiona mesmo por fronte da súa casa, pasada a vía do tranvía e a estrada, e que coidaba como se fose o fillo que nunca chegou a ter.

Vestida cunha bata azul, das de tea que chamaban “mahón”, chantaba na cachola un sombreiro de palla dos de ala ben cumprida e calzaba unhas botas de goma daquelas que chamaban, non se sabe ben por que, catiúscas, pero quizás fose en recordo das mozas rusas que aparecían nas películas do cine ou polo personaxe principal da zarzuela composta polo mestre Sorozábal que se chamaba Katiusca e vestía ese calzado.

En canto a suba da marea o permitía, arrastraba a gamela para pola a flote, montaba os remos, preparaba as liñas e a isca e buscaba o mellor lugar do río para comezar a pesca.

Naquela época aínda subía moito peixe polo río arriba e dende a Foz ata a ponte da Xunqueira podíanse pescar as robalizas ben axeitadas de tamaño e peso. E non como agora, que o máis que sobe polo río son muxos que non fan máis que chuchar na isca e se colles algún non se pode comer co cheiro, coa peste da cloaca que é onde mais se enchen a comer.

A Choncha érache moi alegre e sempre tiña un sorriso e un saúdo coa súa voz rouca e augardentosa polo que moitos murmuraban que era diso, da piteira, e máis dun poñíalle o adxectivo de “machorra”. Pero isto non habería de ser máis que unha mala sona, pois a Choncha víaselle acompañada dun home da parroquia de Borreiros que alcuñaban “O charelo”.

O tal “Charelo” érache un home alto e forte, de faciana redonda e rosadiña nas fazulas, vestido sempre de traxe e cun sombreiro que axeitaba fachendoso moi a un “cote”, tanto que lle puxaba a orella dese “cote” para abaixo que mesmo parecía un can cando están a escoitar cunha orella en alto e a outra en baixo.

Soamente aparecía polo Val algún día de festa ou de fin de semana pois o seu traballo era de Encargado da Compañía que distribuía a electricidade dende Padrón a Corrubedo e vivía no Hotel Pará de Poboa do Caramiñal.

Érache un solteirón empedernido e coido que nunca chegou a casar coa Choncha aínda que ben que a apertaba cando andaban xuntos. El non tiña sona de ser pouco home e iso fai pensar que ela tampouco tiña moito de non ser muller.

CARMEN A PINGANILLA





A verdade é que non apetece moito falar de Carmen a Pinganilla porque éntrache un sentimento de mágoa e pena e ao tempo unha sensación de noxo que provoca o vómito, pero como é un personaxe moi coñecido no Val Miñor é de obriga recordalo.

A pobre era unha deficiente mental das que a xente chama toliña, pero ela non era tola, érache parviña.

Andaba sempre porcalleira de corpo e de vestido nin falemos. Tiña o pelo máis ben claro e curto cun corte que os peiteadores chamaban “a lo garçon” con floquiño, para uns, e perreira para outros. Os mocos e as babas eran permanentes na súa faciana, mal falaba e custaba traballo entender o que falaba pois a fala érache talmente de parviña. Era unha muller de mediana estatura pero non había nada nela que a fixese atraente.

Pero neste Mundo haiche xente que non hai maneira de entender o seu comportamento, pois a pesar do retrato que se amosa no dito antes, alguén ou algúns foron quen para fodela e para maior desgraza dela, deixárona preñada. E non só unha vez pois ela tiña máis dun fillo.

A xente da bisbarra facía cábalas e polo baixo sinalaba a algún home ou mozo do arredor, pero soamente eran sospeitas e as máis das veces para quitarlle o creto a quen malquerían. E chegaban a quitar parecidos dos pobres nenos cos pais a quen lle botaban a mala sona.

A verdade é que o que fora quen para facer semellante cousa, non era merecente de creto algún.

Ela andaba a pedir polas portas e grazas á bondade da xente que se compadecía da súa desgraza, mantiña, é de supoñer que malamente, a prole con que a cargara un fillo de p.... –Outro nome non lle cadra-.

No verán aproveitaba a presenza dos veraneantes da Praia América que viñan pasar a tempada para achegarse ata alí a pedir que xa moitos deles a coñecían e sabían das súas malandanzas e por iso se estiraban un migallo máis á hora de socorrela con cartos ou comida e roupa para os nenos, e para ela tamén.

Certamente iso axudábaa na súa pobreza pero non a saír da desgraza do seu mal pois xa de nacemento estábache marcada coa máis mala doenza como era a falta do sentido común pois naceu parviña.

Hai pouco seica foi atendida dunha doenza, nun Hospital de Vigo e ao parecer atendeuna unha médico que a coñece ben porque é da bisbarra.


miércoles, 29 de julio de 2009

UN BARDO EN BAIONA





-Dáme unha esmola que son orfo de pai e nai. Xa teño sesenta e dos anos.

Con esta ladaíña presentábase aquel homiño vestido con roupa de polo menos dúas tallas máis da que lle correspondía e unha pucha calada ata o cello. De ollos xa co veo ambarino das cataratas e as pálpebras coas pestanas lagañosas, cos dentes gastados case ata o raíz de rillar codias de pan e fame e as comisuras da boca babuxentas de cuspe branco de lembranzas de xa afastadas larpeiradas.
Dicía que gañara un premio nun concurso de imitación de guitarras coa boca, que organizara a Falanxe, e antes de que te deses conta, collía unha cana que sempre levaba con el e botábase a cantar facendo un acompañamento cun tra lara lará, tra lara laraina, co que quería simular unha guitarra. Cantaba sempre a mesma cántiga a xeito de romance antigo do que repetía como nun disco estragado:

Pase, pase, caballero por una noche o dos.
Mi marido fue a cazar
A los montes de León.

Pase, pase caballero por una noche o dos.
Para estar mas seguritos
Le echamos la maldición.

E cambiaba para seguir a ritmo máis rápido e alegre:

Y los clientes le quieren decir:
Que manos tiene doña Coliflor
la pone tiesa no gasta almidón.
Tra lara lará, tra lara laraina.

E a modo de retrouso, volta a empezar:

Y los clientes le quieren decir:
Que manos tiene doña Coliflor
la pone tiesa no gasta almidón.
Tra lara lará, tra lara laraina.

Ao final, acababas dándolle a esmola para que se fose e te deixara en paz. Pero o caso era que o raio da música érache moi pegadiza e quédache na cabeza como unha teima e, sen querelo, dábache voltas no maxín e non facías máis que cantaruxar para ti o raio do

Que manos tiene doña Coliflor
la pone tiesa no gasta almidón.

O certo e saliéntante é que o Romance existiu e foi recuperado polo investigador do CSIC, Joaquín Diaz , que agora habita na cidade murada de Urueña (Valladolid) e dirixe o mais importante museo de instrumentos musicais antigos. Esta pequena cidade, que conserva súa estrutura do medievo, foi nomeada “Cidade da Cultura”. Hai unha versión do romance recitado por Joaquín Diaz acompañandose dunha guitarra española.

Romance sefardita de la Catalina

Estaba la Catalina
sentadita en su balcón.
Pasó por allí un soldado
de buena o mala intención.

- Buenas tardes, Catalina,
con usted durmiera yo.

- Suba, suba el caballero
dormirá una noche o dos.

- ¿Y si su marido viene
y nos pilla de traición?

- Mi marido no está en casa,
que mi marido marchó.
Mi marido fue a cazar
a los montes de Aragón,
y ahora para que no vuelva
le echaré la maldición.

Cuervos le saquen los ojos
y águilas el corazón.
Los perros de mi ganado
le traigan en procesión.

Aún no había dicho esto
y él a la puerta picó.

Ábreme la puerta, luna,
ábreme la puerta, sol,
que te traigo un conejito
de los montes de Aragón.

Bajaba por la escalera
mudadita de color.

- Tú estás turbada del vino
o tú tienes nuevo amor.

- Ni estoy turbada del vino
ni yo tengo nuevo amor.

Que reñí con los criados
con mucha de la razón,
que me perdieron las llaves
del más alto corredor.

- Si las perdieron de plata
de oro te las daré yo;
que tengo un hermano en Francia
que las haría mejor.

¿De quién es aquel caballo
que en mi cuadra relinchó?

Tuyo es, marido mío,
que mi padre te lo dio.

- Dios se lo pague a tu padre
que caballos tenía yo
y cuando no los tenía,
él no me los daba, no.

¿De quién es aquella capa
que en mi percha se colgó?

- Tuya es, marido mío,
que mi padre te la dio.

- Dios se lo pague a tu padre,
que capas tenía yo,
y cuando no las tenía,
él no me las daba, no.

- ¿Y qué es lo que hace un momento
en mi cama resonó?

- Es mi hermano, el pequeñín,
que conmigo se acostó,
y que ha venido a llamarte
pa las bodas del mayor.

- Mientes, mientes, Catalina,
de las bodas vengo yo.

Mátame, marido mío,
la culpa la tengo yo.

Matar, no te mataría;
matar que te mate Dios.
Pero que tu padre tenga
noticia de tu traición.

La agarrara por la mano
y a su casa la llevó.

- Tenga, padre, esta su hija,
que la tuna me engaño.
Si la tié mal enseñada,
enséñela usted mejor.

Romance sefardita en versión musical de Joaquín Díaz.

OS PARRONEROS










Vivían, se pode chamárselle vida a que eles levaban, nun alboio que tiña ao carón da súa casa na Foz do río Miñor, o médico vigués don Antonio Ruíz. A casa chamábase “El Refugio” e no alboio gardaba, no inverno, unha barca que tiña para pescar, cousa que facía con frecuencia pois érache moi afeccionado á pesca.

Éran catro: O Pai, a Nai e dous fillos, unha rapaza e un rapaz. O Pai era un home baixo e forte, de faciana redonda e moura pero as fazulas tiñan as cores vermellas que igual cós grosos beizos pendentes e insalivados amosaban a afección á piteira. Calzaba unhas grandes e grosas botas de goma das que chegan a media perna e que usan os mariñeiros; vestía uns pantalóns que remitía nas botas, un xersei de lá, unha chaqueta que co peso das cousas que levaba nos bolsos alongábaselle por embaixo dos xeonllos e, como non, unha boina negra. Tamén toda a roupa era negra ou, cando menos, parecíao, pois coido que non a tiraba nin para durmir, e a auga que vían só a do mar ou da chuvia. Era pescador, ou polo menos ía de pesca co rapaz polo río e polo mar e era con iso co que mantiña a familia.

O rapaz levaba o xeito do pai. Igualiño de corpo e vestimenta. Era como unha miniatura del. Non tiña amigos con quen xogar no pouco tempo que se libraba de axudar ao pai e bo era cando podía librarse das pancadas, lambadas e sopapos cos que de cote lle pagaba as axudas.

A nai, pobriña, vestida tamén de negro, cunha bata que a saia chegaballe aos pés, sempre descalzos, e un pano na testa que facía salientar a moura palidez da súa faciana na que salientaban uns ollos claros, apagados e tristeiros. Mesmo daba a imaxe dunha ánima que saíra da Santa Compaña. Era a que vendía polas portas o peixe que pescara seu home e as máis das veces ía en compaña da filla.

Esta érache unha rapaza eivada, tolleita, chepuda do lombo e do peito. Ademais, érache moi apoucada sen dúbida pola vergoña que lle daba o seu corpo. Na súa faciana non asomaba xamais un sorriso. Non había nada atraente na súa persoa a pesar da súa mocidade.

Pois a pesar de ter tan pouco atraente, apareceu preñada. Á vista de todos aquilo era un atentado que lle inferira algún desalmado e habíase de castigar ao cabrón culpábel de tan mal feito. Aínda que por riba do desexo de dar castigo ao culpábel, estábache o fartar a curiosidade de saber quen fora. As murmuracións, os “cotilleos”, as imputacións a uns e a outros, desatáronse e era a conversa do día. ¿Quen fora?, ¿Quen sería?, ¿Quen habería de ser?.

Quen se ocupou de pescudalo foi a Garda Civil. Axiña souberon que fora. ¡O escándalo desatouse na bisbarra! A xente non daba creto. Os comentos eran conversa obrigada e non se falaba doutra cousa. Ademais transcenderon as conversas do culpábel coa Garda Civil. Ao parecer xustificábase deste modo:

-¿E se non o fago eu quen ía a facelo? ¿Quen habería de querer fodela co corpo que ten? ¿E por que había de quedar a pobriña sen saber, e sen probar e sen gozar o que e follar? ¡Soamente o agarimo dun pai podería darlle ese gozo!

martes, 21 de abril de 2009

DIONISIO





Ao Dionisio íalle o nome que nin adrede podería cadrarlle mellor. Se se quixese facer unha imaxe do Deus dos antigos non se habería de atopar un modelo máis axeitado.

Era pequeno, rexo, de faciana engurrada, que engurraba aínda máis cando botaba unha risada amosando unha boca aberta dun lado a outro véndoselle os dentes gastados e amarelos do tabaco, pois levaba sempre unha cabicha pegada aos beizos e mollada de cuspe.
A vida que levaba tamén era unha parodia da do tal deus Dionisio. Moraba nun predio no lugar de Vilariño, á beira do convento dos monxes franciscanos que verdadeiramente non poderían tomar exemplo del pois érache o modelo, a ninguén se lle podería ocorrer outro mellor, máis contrario ás regras da orde franciscana. Compartía o lar con dúas parceiras, concubinas ou non, saberíao el, pero na fala da xente andaba que así era. Fose dun xeito ou doutro, o Dionisio tratábaas ben. Por caso, tíñalle a cada unha un carro e unha vaca. Eu en máis dunha ocasión, ben as mirei, aos tres, cada un con seu carro, vir en fila pola estrada de Gondomar nas tardiñas do verán cando xa o sol ía caendo por detrás do Monte de Lourido desde a Foz do río Miñor que se enchía das cores e silencios que auguran a hora máxica de entre lusco e fusco. Viñan cos carros acugulados de argazos que recollían no esteiro da Foz coa axuda dos angazos que de volta portaban por cima dos argazos. Era moi común estercar as leiras con eles.

O Dionisio érache moi dado ás esmorgas. Non perdía unha, e menos as que el organizaba coas xentes da parroquia de San Pedro para iren, en romaxe, camiñando ata Morgadáns, para honrar a San Roque, o día 16 de agosto. Aínda hoxe os de San Pedro manteñen o costume. E non só iso, o tal día fanlle unha misa de ánimas en recordo do Dionisio.

Parranda de San Pedro


Ás oito da mañá acordaban cos estoupidos dun par, ou se acaso máis, de foguetes deses que chaman “bombas de palenque” e comezaban a axeitar nos carros as empanadas, estufados e larpeiradas preparadas, xa nas vésperas, para o xantar e deixando lugar para axeitar aos vellos, os eivados e os nenos que non ían facer o camiño a pé. Os carros, e mais a xente, ía adobiados con cintas de cores, flores e ramallos. Todos con sombreiros de palla, para aguantar a solaina, e o instrumento musical que soubesen tanguer. Non faltaba o bombo, a caixa, a gaita, algún outro como o saxofón ou o clarinete e o, que menos, levaba unha cana rachada.
Dionisio dirixía coa súa cana rachada na que era todo un experto e ninguén se podía comparar con el.

O camiño facíano cantando e parando cada pouco para descansar e botar un grolo de auga ou viño se viña ao caso, ata chegar, arredor do mediodía, á ermida de San Roque, con tempo para asistir á misa e participar con candea ou exvoto de cera na procesión que remataba a festa relixiosa dando unha volta co santo arredor da capela.
Procesión de San Roque-Morgadanes

Pero antes da Misa ían coller e preparar o sitio onde xantar na carballeira da Carolina que estaba preto de alí. Estiraban os manteis no chan e deixaban todo preparado. Ao remate da cerimonia relixiosa sacaban o xantar e comezaba un intercambio de probas da comida, do viño e das larpeiradas que cada quen trouxera, convertendo o xantar nun concurso de gastronomía para maior gabanza das cociñeiras. Logo de xantar non faltaba o café e a copa, as máis das veces augardente “da casa”, o mesmo có viño país, e aquí eran os homes os que aproveitaban para gabarse de facelo “natural, sen química nin mesturas”.

O do café require contalo aparte. Facíase fervendo a auga nunha pota enriba dunha trepia que se puña ao lume prendido entre unhas pedras da mesma carballeira. Cando fervía a auga botábaselle o café, pousaba un pouco e pasábase por un coador de pano, e facendo a broma, chamábanlle “café de calcetín”.
A broma, a verdadeira broma, era que nesa hora, e ata que finou a pobriña, aparecía Carolina, a dona da carballeira, vestida de negro, como de loito, e calzada cunhas botinas que mesmo parecían feitas para o caso e con moito acaloramento comezaba a patexar nas fogueiras do lume, arrombando as potas que vertía polo chan a auga ou o café. Alguén era quen de calmala e por veces ata de bailar unha peza pero aquilo marcaba a hora de recoller.

A volta a San Pedro facíase do mesmo xeito, a pé. Os carros ían máis cheos porque a xente ía máis cansa, pero os cánticos e a troula seguía alentada polo moito viño trasfegado.

Os de San Pedro honran ao Dionisio cunha Misa de ánimas. ¿E a San Roque?. A San Roquiño, como lle chaman eles, co berro:

¡Viva San Roque e o can!.