martes, 30 de noviembre de 2010

AVENTUREIROS DO VAL MIÑOR




Correu a nova coma se fose un estralo de pólvora. Tres rapaces, xa uns mozos, escaparan da súas casas.

Éranche de boas familias moi coñecidas pola maioría das xentes do Val Miñor.

Non se sabía por que escaparan e había comentarios para tódolos gustos. Que escaparan con cartos rapinados aos pais. Que rifaran cos pais. Que... Cada quen inventara un motivo e despois o bulo corríache como pólvora de foguetes.

Os pais denunciaron o caso e a Garda Civil de Baiona comezou a pescudar como fora a fuxida, por que fora e onde haberían de ir parar.

Pronto os encontraron. Fóranse no tren a Madrid e vivían nunha modesta Pensión.

Os pais non os fixeron volver e soamente un deles volveu de alí a pouco.

Aos outros dous deulles traballo un familiar lonxano dun deles no Circo da súa propiedade.

Pasou ben de tempo e a xente deixou de facer comentarios do caso.

Un verán chegou o tal Circo a Vigo e instalouse no recheos do Areal que era o lugar onde o Concello daba permiso para montar ese tipo de espectáculos.

Un dos números que anunciaba o Circo como máis atraentes era o dun faquir da India que comía vidros –vasos, copas, lámpadas coa luz acesa, durmía nunha cama de cravos, e non sei que máis estrañezas- e facíase chamar “O Gran Fakir Karpas”.

O nome alertou os coñecidos pois estache composto pola primeira sílaba do seu nome e do seu apelido. E ademais eran ben coñecidas as súas habilidades pois máis dunha vez mirárano asombrar a algún afeccionado á pesca que dende a ponte nova ou a ponte vella collía un peixe e el facíalle o favor de soltarlle o anzó e co asombro do novato pescador, comíao vivo. Dicíase que como ía para mecánico dentista fixérase uns aparellos para facer todas ese marabillas.

Na función do Circo saía a peito nu para que se vise como tragaba unha luz acesa e outras faenas como a de botar lume pola boca.

O outro compañeiro de fuxida non amosaba máis habilidade que axudar a pór os tapetes para os saltimbanquis, amarrar as corda dos trapecista, recoller os trebellos que deixaban os pallasos ou axudar a montar e desmontar as gaiolas das supostas feras salvaxes. Iso é o que se lle vía facer.

Pasados uns anos volveron para os seus eidos. Un traballou o resto da súa vida de mecánico dentista e o outro seguiu traballando no negocio da familia e como os vellos foron finando el acabou de dono do choio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario