sábado, 25 de junio de 2011

O XASTRE



Habíache un xastre en Sabaris preto da igrexa de Santa Cristina da Ramallosa, que poucas veces saía do taller da costura que estaba na mesma casa onde vivía, unha porque era coxo dunha perna, outra porque era moi traballador, e outra porque xa tiña unha morea de fillos que manter.

El xa estaba farto de ter sempre a muller a parir e non desexaba ter máis fillos e así llo contou ao seu mellor amigo que tamén tiña unha deficiencia pois era tatexo.

Naquel tempo non había ou non se levaba o uso do preservativo chamado condón e que hoxe recoméndaselles aos fillos e ás fillas en canto comezan a facerse adolescentes. Así que ou usábase a “marcha atrás” ou corríase o risco de preñar.

O amigo quixo facerlle un agasallo facendo bos oficios no seu favor e tivo a ocorrencia de falar cun médico amigo que érache moi recoñecido como bo polas xentes da bisbarra e comentoulle o caso para que lle recomendase algún remedio para cumprir os desexos do xastre.

O médico, que estaba tomando o café de despois de xantar a xogar unha partida de dominó no Bar Galicia e que lle molestaba moito que cando estaba de vagar o molestasen con consultas profesionais e que ademais gustáballe gastar bromas, díxolle:

- Dille ao xastre que os fillos veñen do leite que sae dos collóns ao foder. Así é que lle dis que cando estea baixo pase un cordel por riba deles e que o ate. ¡Pero a modiño non vaia premelos moito!
Pasaron os días e o médico estrañado de non ver ao xastre que ademais vivía a carón da súa casa e onde pasaba a consulta, pregúntolle ao amigo:

-¿Que lle pasa ao xastre que non o teño visto estes últimos días?

E o amigo do xastre contestoulle tatexando máis do que acotío:

-¡Nooo, que vostedeee fíxoa boaaa!. O xastreee seguiu ao pé daaa letra os seus consellooos para non ter fíllooos. Candooo andaba baixo, atouuuu os collóns cuuun dos cordeis das botas eee dis que non premeu moitooo. Pola noiteee, convenceu a muller paraaa botarlle un caniveteee e botar botoullooo, ¡Pero aooo probe, incháronlle ooos collóns tal comooo melóns!

As risas dos que estaban no café e escoitaron as explicacións do tatexo foron ben sonadas e durante moito tempo lembradas na hora de tomar o café ou botar a partida de cartas ou de dominó que xogadores das dúas cousas había no Bar Galicia.

Non se sabe se o xastre non volveu deixar preñada a muller porque aprendera algún outro sistema, porque non quería ou non podería, que esta si que érache para dar pena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario