domingo, 26 de junio de 2011

O SOLEIRO





Chamábanlle e era coñecido por “O Soleiro” pero o seu nome era Manuel Valverde.

Era forte de corpo pero espido e un migallo máis alto cós homes da súa época, na faciana salientábanlle o queixo, ao estilo dos reis da casa de Austria tal como se amosan nos retratos que mesmo podería “choverlle na boca”, e un nariz de oso grande coas fiestras cheas de pelos que se movían acompasados pola forzada respiración dos doentes da asma, mal que padecía e que lle configuraba un peito apuntado e un pescozo estreito.
Vestía sempre sombreiro, pantalóns de pana, faixa de pano preto dándolle dúas voltas arredor da cintura e chaleco. E cando ía a cabalo levaba polainas de coiro axustadas as pernas, pero non castigaba a besta con esporas.

A súa casa estaba, e aínda está, na praza de Sabarís. É a que está na esquina da praza no comezo do camiño ENTRE RIOS. A casa tiña unha entrada que achegaba á cociña polo carreiro que dá para o muíño, outra que daba na rúa e máis adiante, un pequeno carreiro daba entrada, pola man dereita, ao portón do patio da casa onde nos baixos estaban os cortellos para o gando, e pola outra man, a eira, o canizo e a horta.

No conxunto tiña a fasquía dunha casa de labranza como había poucas e agora xa non quedan.

“O Soleiro” gabábase de ter o mellor gando da bisbarra.

O seu cabalo érache a cobiza dos feirantes que coma el acudían ás Feiras e o miraban como chegaba moi fachendoso facendo galo da súa estampa.
A xunta de bois coa que facía os traballos da labranza lucían coma xoias. Igualadiños como se fosen xemelgos, con forza probada para tirar do arado ou o carro acugulado de toxo para estercar o patio e as cortes, do millo da colleita ou das cubas da vendima. Soamente tiñan unha competencia, a da xunta de bois de Anxelito “O Longuexo”, tamén apelidado Valverde coma el, e que facían espello uns dos outros.
Ademais dunha media ducia de ovellas, criaba unha parella de carneiros que lucían uns cornos de dúas voltas que che metían medo. Fixéralle un carro, coma o dos bois pero en pequeno, e xunguíaos nel e mandaba ao fillo a facer algún traballo, máis que traballo éranche enredos, como ir ata a Xunqueira e cargar ata catro sacos de patacas da colleita dunha leira que tiña un parente e levarllos para a súa casa
E non falemos do porco ou dos porcos pois criaba máis dun ao ano. Mercábaos na Feira do doce ou das Gaiandas de Gondomar cando median pouco máis de dúas cuartas de lombo e cara ao San Martiño xa pasaban dos cen quilos e chegaba a hora de que o matachín dese conta deles.
O porco salgado gardábase nunha artesa de madeira na bodega que estaba na parte a rente o chan da casa o mesmo cá cociña, a despensa e as escadas que subían para o primeiro andar.

No primeiro andar estaban os cuartos de durmir, algúns deles alcobas, de camas de ferro con colchóns de la, dous por cama, e nos pés, un baúl para a roupa pois non tiñan armarios.

Como era de cotío daquela, para atender do gando e doutros mandados, mantiña na casa un criado que as máis das veces era un daqueles que chamaban “de boa fe” co que desculpaban, e agora si, “de boa fe” a discapacidade do parviño.

Tiña leiras dabondo onde sementaba millo para facer pan e darlle ao gando sobre todo ao gando pequeno, galiñas, pirús e pombas, e mandaba aos rapaces a espantar os paxaros con carracas, e despois de recollido gardábao no canizo.
Tamén sementa orxo e tamén para que os paxaros, que viñan en bandadas, non desen conta do gran antes de collelo, puña espantallos e un muíño no alto dun pau cun trebello que ao xirar o muíño facía o mesmo ruído cás carracas que soaban na hora das “tinieblas” o venres Santo.
No tempo da colleita viña a malladora que puña na eira e que facía un ruído que resoaba xa desde lonxe.

A señora Vicenta, a dona do Soleiro, coa fariña do millo que mandaba moer no muíño a carón da casa, facía a boroa que sempre tiña na cociña para quen quixese un anaco. E non só pan de millo. A señora Vicenta tiña sempre na cociña a disposición dos mendigos da bisbarra ou de quen o quixese, unha ola de caldo de verza cun cheiriño tirando un pouco a unto que xa mesmo alimentaba, e quentiño. Así é que ás doce, a hora do xantar, o camiño da cociña que pasaba polo muíño era unha romaxe de pobres que tamén aproveitaban a auga da levada do muíño onde nadaban uns patiños e que pasaba a carón do camiño da cociña para refrescarse ou lavar as mans. A calor morna da cociña non só atraía os pobres afriaxados, tamén as moscas, que chegaban a ser tantas que destacaban sobre os azulexos brancos.

O fillo desta parella, tiñan amais dúas fillas, que tamén se chamaba Manolo e herdara o alcuño de “Soleiro” ademais da figura da faciana do Pai pois tamén “lle chovía”, de rapaz era unha ledicia brincar con el. Sabía das pozas do río onde poder bañarse, por suposto ás agachadas e “en pelotas”, sabía facer cun anaco de pola de “sabugueiro” un tubo para disparar as bagas do loureiro, xogaba ben ao pateiro, ás canicas, fendía tódalas pouchas do corriño xogando coa buxaina,….. érache un número un.

No hay comentarios:

Publicar un comentario