
A verdade é que non apetece moito falar de Carmen a Pinganilla porque éntrache un sentimento de mágoa e pena e ao tempo unha sensación de noxo que provoca o vómito, pero como é un personaxe moi coñecido no Val Miñor é de obriga recordalo.
A pobre era unha deficiente mental das que a xente chama toliña, pero ela non era tola, érache parviña.
Andaba sempre porcalleira de corpo e de vestido nin falemos. Tiña o pelo máis ben claro e curto cun corte que os peiteadores chamaban “a lo garçon” con floquiño, para uns, e perreira para outros. Os mocos e as babas eran permanentes na súa faciana, mal falaba e custaba traballo entender o que falaba pois a fala érache talmente de parviña. Era unha muller de mediana estatura pero non había nada nela que a fixese atraente.
Pero neste Mundo haiche xente que non hai maneira de entender o seu comportamento, pois a pesar do retrato que se amosa no dito antes, alguén ou algúns foron quen para fodela e para maior desgraza dela, deixárona preñada. E non só unha vez pois ela tiña máis dun fillo.
A xente da bisbarra facía cábalas e polo baixo sinalaba a algún home ou mozo do arredor, pero soamente eran sospeitas e as máis das veces para quitarlle o creto a quen malquerían. E chegaban a quitar parecidos dos pobres nenos cos pais a quen lle botaban a mala sona.
A verdade é que o que fora quen para facer semellante cousa, non era merecente de creto algún.
Ela andaba a pedir polas portas e grazas á bondade da xente que se compadecía da súa desgraza, mantiña, é de supoñer que malamente, a prole con que a cargara un fillo de p.... –Outro nome non lle cadra-.
No verán aproveitaba a presenza dos veraneantes da Praia América que viñan pasar a tempada para achegarse ata alí a pedir que xa moitos deles a coñecían e sabían das súas malandanzas e por iso se estiraban un migallo máis á hora de socorrela con cartos ou comida e roupa para os nenos, e para ela tamén.
Certamente iso axudábaa na súa pobreza pero non a saír da desgraza do seu mal pois xa de nacemento estábache marcada coa máis mala doenza como era a falta do sentido común pois naceu parviña.
Hai pouco seica foi atendida dunha doenza, nun Hospital de Vigo e ao parecer atendeuna unha médico que a coñece ben porque é da bisbarra.
Boas,
ResponderEliminarChámome Bibiana, son estudiante de comunicación audiovisual en Pontevedra. Nestes momentos estou facendo un traballo de investigación sobre o cine o imperial, e quería saber se sería posible que me contase máis anecdotas sobre este cine.
O meu email é bjuanes@alumnos.uvigo.es
Un saúdo
Bibiana Juanes