
Un día con outro tiña rifeira coa Garda Civil. Non había festa, feira, partido de fútbol ou calquera outro acaecemento onde acudise moita xente, na que Modesto non fose o punto de mira da Garda Civil porque sempre había de facer algunha falcatruada.
Érache alto e de andares desfeitos, moreno case mouro, de pelo preto e crecho nunca peiteado, de ollos vivos e á espreita como lle cumpría co seu "traballo" e levando sempre nos beizos unha cabuxa dun pito que mollada da cuspe amosaba a cor do tabaco de "cuarteròn" –aínda que sempre che pedía e cobizaba un pito rubio- que aínda facía salientar máis na faciana a frouxeira do sorriso descontrolado do bébedo.
Poucas veces podería vérselle normal e sereno pois as máis das veces estaba bébedo ou ía camiño de estalo.
Para chamar a atención tiñache un truco que nunca lle fallaba. Collía a cabicha do pito que sempre levaba nos beizos coa lingua e daballe a volta metendoa na boca coa punta do lume para dentro e pechaba a boca coma se a comera e logo volvia a sacala co lume aceso.
En canto se encontraba nun lugar onde houbese moita xente sacaba una baralla de naipes vella e ben sobada e comezaba a xogar con tres delas pousándoas nunha mesa, nun banco ou senón no chan, unha ao carón da outra, sinalaba unha e amosáballa ao posible penitente e dicíalle que se fixase ben nela para adiviñar onde a pousara despois de movelas moi lixeiramente para que non puidese seguir a sinalada. As primeiras veces facía que o penitente acertase e se confiase, pero despois animábao a facer aposta con cartos e tamén o deixaba gañar un par de veces, cando xa o tiña animado e metido no xogo, dábase tal maña, ou facía tal trampa que o pimpín perdía sempre.
Ás veces viña con algún "compinche" que lle axudaba a comezar o xogo e animar a xente a xogar e é de supoñer que repartirían os cartos gañados co engano.
A verdade é que tiña unha arte do demo para facer o engano pois ás veces para animar aos miróns a xogar facía que o "compinche" marcase a carta que había de adiviñarse cun anaco de papel de fumar mollado en cuspe pero non sei como faría para que o raio do papel aparecese pousado noutra carta diferente e o confiado apostante pretendendo enganar saía enganado. Ese é o xeito que usan os estafadores, simular ante os parvos e ambiciosos, que se deixan estafar para saír gañando.
Un dos lugares aos que sempre acudía era no campo de fútbol das Gaiandas onde xogaba o equipo do Gondomar no que durante moitos anos rendéuselle honra a admiración a xogadores que foran noutro tempo figuras dese deporte como xogadores no Celta de Vigo como foran os Hermidas e o sobriño deles Hermidita, Alvarito ou Nolete. Era ou vivia alí mismo, nas Gaiandas, e aí saíulle o alcuño pois érache coñecido por “Modesto das Gaiandas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario