sábado, 14 de agosto de 2010

MOSINDA




Na parroquia de Vilaza (Gondomar) hai un predio que atendía un home, casado e con dúas fillas, como caseiro e ademais tiña unha vaca en parcería.

Érache un home que en todo puña unha vehemencia desmedida e non deixaba de amosar un migallo de amaneiramento.

Cando ía á Feira das Gaiandas para vender a vaca, ou o touro que parira, os tratos éranche interminables, cheos de receos e desconfianzas, non tiñan término.
Para mercar unha vaca, miráballe os dentes, palpáballe as ubres, levantáballe o rabo, fixábase nos pezuños, .... se fose o veterinario non a examinaría tanto. Se ao fin mercaba unha vaca facía uso do dereito de trasacordo que, segundo el dicía, a vaca non se pagaba ata a feira seguinte por se nese tempo aparecía algún defecto e entón devolvíase ou pagábase.
Unha vez devolveu unha vaca porque, segundo el dicía:

-Comía as gomas e soltábase cando a deixaba atada para que pastase nos valados.

Era costume pastar o gando nos cómaros e valados e tamén era certo que o prezo das cordas era alto e substituíanas por longas tiras das correas que retiraban nas fabricas, que eran de tecido e goma, para usar as novas trapezoidais.

O leite que daba a vaca repartíase a medias co dono e o parceiro laváballa todos os días pola noite e algunha vez levaba o dobre de leite e dicíalle:

-Aquí traio o leite de hoxe e o de mañá.

Non se sabía como era capaz de monxer a vaca. ¡Soamente espreméndolle as ubres!

Tamén as contas dos gastos que lle amosaba ao dono para que lle pagase a metade eran motivo de riseiras pois nunha ocasión puxo unha cantidade por unha “abolladura” e a tradución era que levara a vaca ao boi.

Os froitos que daban as leiras do predio recollíaos o dono do predio. O viño, as noces, as mazás, os marmelos, as laranxas.... e unha vez queixóuselle de que había poucas laranxas e o parceiro respondeulle:

-Eu non as como, as nenas tampouco e a miña muller tampouco porque se lle oxidan os dentes de aceiro inoxidable.

A unha das fillas chegoulle a hora de facer a primeira comuñón e con ese motivo fixo unhas fotografías de toda a familia xunta, el, as fillas e a súa muller Mosinda, e amosáballa ao dono do predio gabándose dabondo e dicindo:

-As nenas saíron ben, eu tamén saín ben, pero Mosinda saíu cojonuda!

E dende aquela a familia do dono do predio cando quere gabar algunha cousa di:

¡E que está como Mosinda!,

Por certo que cando casou un fillo do dono do predio que lle tiraban por Juan cando en verdade chamábase Antonio, o parceiro díxolle:

-Agora que casa xa non lle volvo chamar Juan, dende agora chamareille Don Antonio.
-Xa sei que non me vai a convidar á voda pero eu vou mercar unha botella de Ponche para beber con Mosinda e despois sasss....!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario