
En Gondomar, no lugar que lle chaman a Paradela, habíache unha leira que testaba na estrada que leva á parroquia de Peitieiros e tiña o seu servizo por ela.
Pero arranxaron a estrada e quedou un algo máis alta cá leira de que falamos e entón a saída á estrada collera unha pendente que facía moi noxento o paso do carro da vaca.
Por iso, o home que traballaba a leira por conta do seu dono, cando tiña que labrar, sementar ou recoller o millo, ou apañar a herba despois de recoller o millo e que se sementaba para ter que darlle de comer ao gando, servíase para facer eses traballos pola leira coa que extremaba e saía ao camiño, hoxe rúa que vai da estrada de Peitieiros á estrada de Tui, que non tiña pendente e non amolaba a vaca que tiraba do carro nin a quen a levaba.
E o veciño fartábase de avisalo de que non se servise pola súa leira xa que como marcaba o dito do pobo:
- O que testa na rúa sérvese pola súa.
Pero o home non lle facía caso e unha e outra vez pasaba pola leira do veciño.
O veciño fartouse e púxose á espreita a ver de collelo cando pasaba pola leira, e chegou o día que o pillou na faena e atravesándose no paso obrigou a que o home tivese que saír co carro da vaca acugulado de pendón de millo pola rampla á estrada de Peitieiros.
O home houbo de facer un bo esforzo para axudar a que a vaca puxase polo carro que coa carga que levaba facíase pesado de máis e nesta puxa o home “cabreado” berrou cara ao veciño:
-¡Me cago na nai que te pariu!
O veciño, pensou que esa era a súa ocasión para denuncialo e polo camiño dun xuízo penal de faltas acadar unha sentenza que recoñecerse un dereito civil de non recoñecemento dunha servidume de paso – este érache un xeito que os labregos usaban a cotÍo na defensa dos seus dereitos- e así o fixo.
Chegado o día sinalado celebrouse o xuízo ante o Xuíz de Paz que era naquel tempo un home xa maior que estivera no Brasil e que por iso falaba máis brasileiro que galego e que ademais era algo xordo polo que non era fácil entenderse con el.
O Xuíz comezou preguntándolle ao home se era certo que se cagara na Nai de Don Fulaniño e ao ouvilo o home murmuraba polo baixo:
-¿De onde lle ven o Don? ¿Se non é escribido nin lido?
E contestou:
-Eu cagábame ata en Dios e María Santísima.
Un home que estaba na sala do xuízo e entendía un algo de dereito avisouno de que o Xuíz podería acusalo de blasfemo e que dixera que co noxo que lle dera que a vaca non puidera subir a a rampla coa carga do carro, que como fan todos os carreteiros encirran e animan o gando con berros dese xeito. E así o fixo e contestoulle que:
-Que todo fora un dito para animar a a vaca a puxar polo carro.
E aínda que o Xuíz preguntaba que era o que dixera primeiro pois coa súa xordeira non alcanzara a ouvilo ben deu por boa a resposta e deu por terminado o conto.
O que non paraba de berrar érache o Don Fulaniño que asistira ao xuízo e alzaba a voz dicindo:
-Veño aquí a defender a honra da miña Nai e resulta que todos no xuízo repetiron o de “cagarse na Nai de Don Fulaniño” e ademais agora resulta que se “cagaba na Nai da vaca”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario