miércoles, 8 de abril de 2009

Agradecementos

O libro
Este libro esta composto por lembranzas de personaxes cos que convivín nos veráns que pasei na nenez, e de rapaz, nas terras do Val Miñor.
Non sei que pasaba con eles polo inverno, pero amosábanse co bo tempo.
Como dicía Roberto Magariños, o dono do Bar Gran Via, do barrio das Travesas de Vigo, cando miraba pasar pola porta algún veciño ao que non lle tiña boa fe: “fai bo tempo que saen os sapos a tomalo sol”.
Por certo, ao tal Roberto, chamábanlle “ O Jarvey” como el lle chamaba ao coñac Garvey, pois el si que era bilingüe, bilingüe a tope, pois como pasaba entón coa maioría da xente, sobre todo das terras da ribeira.
Non sabias se falaba en galego ou en castelán, iso si ,falaban unha mestura dos dous.
“O castrapo”.
Coas “geadas” todas, do que era bo exemplo o escrito por un home da bisbarra co que abría unha especie de arbore xenealóxico, escribindo:
“Relación de “higos” que tubo mi “higa”: primer “higo” unha “hija”.
E poñen un acento cantareiro e musical na fala un migallo “adamado” que dirían os portugueses.
*
O meu galego, foi aprendido de oír a meus pais que entre eles o falaban de cotío.
*
E agora, é o momento de agradecerlle a Miguel Anxo Mouriño, que axeitase os escritos a normalización actual.
Miguel Anxo é filólogo e coñece a técnica das palabras, pero tamén sabe axeitalas docemente para amosarnos o agarimo que ten polo seu neto, e por o seu pobo, recollidas nos poemas do libro “Gondomar de Pablo”.
*
Tamén e o momento de recoñecer a boa labor, a magnifica labor, que leva a cabo na bisbarra o IEM.
E non quero que isto o tomedes como un algo por me conceder o Premio Nano Cambeiro, do que estou seguro de que outros habería e haberá mais merecentes ca min, se non como agradecemento do meu interno por espallar tantas e tan boas manifestacións da nosa cultura nesta bisbarra.
*
O Premio Nano Cambeiro ten ademais un “plus” que é obra en “pequeno formato” do amigo, subliñando o de amigo, Fernando Casas, escultor coma meu irmán Xesus, capaz de transmitir na súa obra, a beleza da natureza:
Xa sexa dos arbores e madeiras estragadas polo paso do tempo.
As areas coloreadas do deserto do Sahara, cabo de Tinduf, onde mora un pobo arrincado e botado das terras onde tiñan o seu vivir.
Nos recunchos da ciencia, participando no proxecto Neuston, que estes días amosase no Museo do Mar da cidade de Vigo.
Ou plasmando a inmaterialidade da memoria na serie de pinturas nomeada “Memoria do río”.
*
A xornalista Carme Parada, como boa amiga que é, non fai mais que comentarios eloxiosos que ela sa sabe que lle agradezo.
Sei que sinte non poder estar connosco pro quixo deixar testemuño da súa amizade no prologo deste cativo libro.
*
Contribúe tamén, coas súas acertadas interpretacións dos personaxes, Alfredo López “Tokío”.
Non sei se agora é Tokío ou Tókio, Sofía ou Sófia, pois a nos, de rapaces aprendíannos co dito : “Mondariz será Mondáriz cando nariz sexa na náriz”.
De calquera xeito, grazas Alfredo.
Dito así non erro.
*
É un afago recoller das mans da filla de Nano Cambeiro a escultura de Fernando Casas que testemuña o acado do Premio que leva seu nome.
*
E a todos vos, que vindes a compartir connosco o lecer de acadar este Premio, desde o mais fondo do meu corazón, vos espallo, coma un foguete de luces, grazas, moitas grazas.
*
O Val Miñor deu e da, e penso que dará, a mans cheas, xentes de unha personalidade e un valor, merecentes de ser lembrados.
Algúns xa teñen quen perpetuou súas lembranzas –o Conde de Gondomar, Pedro Madruga, o padre Sarmiento,….fai ben pouco Vitoriano Taibo, o mestre de Morgadanes-. E esperamos sexan atendidas as peticións, que se fixeron, o día do seu merecente homenaxe, a Real Academia Galega, que lle dediquen o próximo “Día das Letras Galegas” a quen tanto as defendeu e tanto as amou.
Outros están a espera de que alguén os lembre e os faga lembrar.
O músico Germán Lago.
De novo director do orfeón a Lira de Gondomar.
Creador da mais importante orquestra composta soamente instrumentos de corda, a “Orquesta Ibérica”, que nunca se fixera cousa igual nin se volveu a repetir.
Compositor do “pasodoble” que inspirou este concello e que o nomeou “Gondomar”.
O frade dominico, nado en Baiona e non se atopa nesa Vila quen saiba del, Fray Manuel Mª Martinez erudito na vida do Fray Bartolome das Casas, que tanto influíu na defensa dos indios da descuberta América, e por el contrario, na creación de “Leyenda Negra”; e tantos outros merecedores diso …..-.
*
Pero tamén, os dunha manchea xente que pasou ao noso lado, ca que convivimos algunha tempada, e que a súa personalidade nos deixou anécdotas ou feitos para lembrar:
A Marciana, panadeira de Sabarís.
Abilio, o reloxeiro de cabo do cine Imperial da Ramallosa.
Fernando, o peideiro de Gondomar, seica inventor dun novo xeito de propulsares a bicicleta.
Don Xosé o Abade de Santa Cristina, que saia de botica de D. Andres Abal e adiantábache coma un foguete na ponte e xa chagabas tarde a misa.
O bar Galicia e a xente que nel paraba.
Conde e seu coche de aluguer.
Arturo o Rincho.
O soldado, chamado así por levar sempre un capote que ninguén sabia quen se os daba.
Toriño, un eivado de corpo e alma.
Os falsos romeiros, ou simuladores de feridas ou enfermidades que pedian nas feiras e festas.
Os frades de Vilariño, …… que sei eu cantos mais.
*
Que eu lembre, ou que vos podedes facerme lembrar, anacos das súas vidas, como xa pasou con algúns dos contos deste libro, que persoas alleas chamáronme para me salientar algunha faceta do personaxe, como ocorreu con Xesús arría o galo, o Mudo ou a Pinganilla.
A verdade, é que, uns mais que outros, o seu carácter e seu facer estache marcado polas duras invernías, de ventos, chuvias, néboas ou “nubes rastreiras”, como lle chamaba don Severino o medico de Sabaris, que entrando polo suroeste, “a cabra fanada” como lle chamaba miña Nai, que tantas depresións e estraños rasgos de personalidade provocaban nas xentes da bisbarra.
E imos acordando estas lembranzas, mentres camiñando, de vagar, pola beira do esteiro do río, ollando espernexar unha alba garza para remexer as augas e axotar uns invisibles bechos, facendo uns estraños e xeitosos movementos de danza, que atrapaba co largo pico.
O xurdir dos araos, que antes non andaban no Miñor, o inquedo corricar dos biluricos “bailones”, que coa muxica do corvear deses tan negros paxaros e os agudos berros das gaivotas, dan vida a un paisaxe de louros reflexos do sol nas augas do río.
E niso andamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario