sábado, 11 de abril de 2009

JOSÉ "O PORTUGUES"

Non se sabe a ciencia certa cando apareceu na Ramallosa pero alí estivo ata que morreu.

Sábese que era portugués, pola fala. Dicíase, ou díxose, que tivera problemas coa policía ou as autoridades do seu país, pero todo quedaba niso, suposicións, porque José xamais falou ou comentou por que viñera a Ramallosa. Ademais por aquelas datas habíache un Cabo da Garda Civil en Baiona, parece que se chamaba o Cabo Pena, que non se lle pasaba unha, e bo era para que esa fose unha de elas.

José tiña fasquía de que fora home forte, pois a pesar dos anos, e debían ser xa moitos, e de estar eivado pola reuma que o tiña coxo de vez, aínda gardaba o xeito dun home alto e grande. A cachola, coroada por un pelo que ía tendo máis de branco que de preto e rapaba de cando en vez sen deixar que crecese moito, a barba que coidaba do mesmo xeito, e a faciana sorrinte e tranquila, facíalle una agradábel figura que se asemellaba a algún dos personaxes pintados por Velázquez.
É de supoñer que o rapa barbas fose Félix Galán, que tiña a barbería na estrada de Gondomar, xusto fronte á Praza de Abastos, pois era nese lugar onde Xosé pasaba a maior parte do tempo, por non dicir que todo.

Ía sempre cuberto cunha gorra de viseira de pano que por entón non se levaba moito, era máis frecuente a gorra, e só a retiraba cando agradecía unha esmola ou saudaba a alguén que lle merecía respecto. Axudábase para camiñar, o pouco que camiñaba, dun pau que lle facía as veces dun bastón e que fixera da póla dunha árbore, así que era gordo no cabo de apoiar no chan e fino no demais, onde facía una gaia tan pequena que daba a impresión de que non lle tiña acougo para a man e soster o peso de tan grande corpo. Sentaba no peitoril da estrada, a carón da entrada da Praza de Abastos, á espera das esmolas que a xente que entraba ou saia de comprar puidesen darlle. Seica eses eran todos seus ingresos.

Por veces, ás tardes, cando estaba pechada a Praza de Abastos, ía camiñando a modiño non moito máis alá da Ponte Nova e sentaba no peitoril da estrada que vai cara a Baiona, a carón da casa de Manolo o do “Relleno”. Poucas veces, ben poucas, se achegaba á Estación do Tranvía a sentar nos bancos que alí había. Cando non se afastaba tanto, sentaba no peitoril da estrada que vai a Gondomar, preto da porta do bar Galicia, xusto onde, por detrás, estaba o lugar onde ferraban o gando e tamén daba á eira dos “Roade” onde mallaban os feixóns e na que as noites do verán celebrábanse os títeres, se os había.

O curioso é que sempre sentaba dándolle as costas á natureza. Se estaba sentado na Praza de Abastos, non ollaba para o río por ver se subira a marea e estaba alto ou se pola contra estaba baixo. Se estaba sentado preto da casa de Manolo o do “Relleno”, ou na estación dos Tranvías non ollaba por ver as postas do sol que se agachaba detrás do monte de Lourido.

Sempre estaba espreitando á xente que pasaba dun lado para outro seica que co obxetivo de que non se esquecesen de darlle unha esmola ou de que lle botasen un parrafeo pois debería atoparse moi só.

Era fumador e agradecía que alguén lle ofrecese un pito que entón era como un tesouro porque o que se levaba era aproveitar as "colillas". Un señor que tiña a casa no alto da Romana, moi fumador, que leaba os pitos cunha maquiniña e enchíaos coa picadura de tabaco, as máis das veces da marca Gener que lle viña de Cuba de estraperlo, separaba o relo de facer os pitos e algún deles que saía mal feito e mandaba as fillas a levarllos a José que reloucaba coa ledicia.

Á noitiña recollíase nun local que había detrás da Praza de Abastos, que seica facían a vez de retretes e daba ao río. Non era o sitio máis axeitado para as súas doenzas pois cando subía a marea aquel cochizo asolagábase, ou cando chovía , ou as brétemas que por veces perduraban todo o día, a humidade debería metérselle ata os ósos e alporizaríalle a reuma a tope.

Probiño! Así viviu ata que morreu.

Por certo que hai pouco foi reformada a tal Praza de Abastos e é de supoñer que o arranxo do interior quedase ben feito. O que é por fóra éche un dos "feísmos" que deixou o Alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez. A estrutura do edificio, era con cemento "cara vista", non daba "o cante", pero coa reforma pintárona de amarelo, como os dos sinais das estradas, e unha banda azul no tellado.

Os que queiran fotografar a ponte románica nos lles queda outra que levar, tamén de recordo, como fondo da vista, o "feísmo" da Praza de Abastos.





No hay comentarios:

Publicar un comentario