domingo, 12 de abril de 2009

O MUDO



¿Algunha vez oíches cantar a un mudo?.

Pois “O Mudo” da Ramallosa que, cando non ía pescar, estaba sempre no Bar do Centro, cantaba, ou polo menos unha noite en Baiona no bar do “Gringo” cantou, despois dunha gran cea. De pato estufado, cociñado pola muller do “Gringo” en pago doutro pato vivo que ela gardou no curral, foi a enchenta do “Mudo”, que xaxuaba as máis das veces, e unha farta de viño, que iso era mais cotián para o “Mudo” pois combatía o bacilo de Kock con grandes cantidades de alcohol xa fose en viño ou en augardente. Así é que xa algo máis ca un pouco achispado, comezou a berrar, uns berros arrepiantes tanto polo alto do son como pola discordancia dos mesmos. Parecía que aqueles horribles berros tiñan algún senso pois para el pois facendo unha O cos dedos gordo e índice da man dereita facía xestos coma se quixese levar, con moita galanura, o compás daqueles descompasados berros. A verdade é que daba unha gran pena e ata daban ganas de pórse a chorar.

O “Mudo” érache pequeno, espelido, moreno de soles e ventos do mar, de ollos vivaces e gastaba un bigote ao xeito do pintor Dalí, ou máis grande se cadra. Tiña uns coloretes rosadiños na faciana que salientaban a súa doenza da tuberculose. Seica este mal era mal da familia, pois a súa nai e seu irmán Florencio tamén estaban doentes da mesma enfermidade.

Iso si, pescar ninguén pescaba coma el. Os pescadores da bisbarra estaban á espreita de se o “Mudo” saia ou non pescar. Se o facía, eles tamén saían, se non era sinal de que ese día os peixes non picaban e o fracaso estaba cantado. Os máis sobranceiros pescadores afeccionados da bisbarra e asiduos á pesca no río Miñor, como Choncha, que era unha grande afeccionada, ou don Antonio Ruíz, o médico que vivía na Foz do río nunha casa que se chama o “Refuxio” e que por veces levaba o "Mudo" a pescar con el; ou Antonio o “Tranviario” que tamén era un bo pescador, mais de cana longa e da praia da Ladeira. Citamos estes só por salientar uns poucos.

"O Mudo" tiña unha chalana que gardaba a carón da ponte da Ramallosa e só pescaba con liña ao corricán. Chovese ou non choverse, dáballe o mesmo, sentábase no derradeiro bancal da gamela, soltaba unha longa liña de cordel de cáñamo rematada cunha tanza, disque feita da tripa dos vermes da seda, e un anzol que engadaba con iscas que el mesmo collía, ese mesmo día ou no día anterior, entre os lodos do esteiro do río, e remaba paseniño contra a corrente do río cando subía ou baixaba a marea. Poucas veces subía o río despois da Ponte Romanica e tamén poucas veces saia ao mar pasando da Foz.

Non se sabe cal era o xeito que se daba para que sempre acadase as mellores robalizas. Porque chamar non as chamaba, que el era mudo, como facía o Maiximino de Moaña, que xa vellote saía pescar e chamaba aos peixes arrimando a liña a boca, como facían os rapaces que cun fío e dúas caixas de mixtos initaban un telefono, dicíndolle:
- Peixiños vinde a min que son o Maiximino.

A pesca, sempre robalizas, dáballas a súa nai para que as vendese. Eses eran os cartos que mantiñan a familia e os que lle daban para encherse de alcohol e escorrentar o frío, a fame e manter a raia os bacilos que ao fin gañáronlle a loita pois morreu “etico” cando inda podía dicir que era un home novo.

A o mellor o segredo das súa habilidades estaba no mostacho. As dúas guías do bigote, que lle chegaban case aos ollos, farían de antenas de radares receptoras de tan sutís habelencias.
Os bigotes dos gatos e dos ratos ¿non teñen esa funcións?. Dos bigotes do Dalí ¿non sairían os impulsos para inspirar as súas obras de arte?. Da maraña dos bigotes do Nietzsche ¿non sairían tan retortos pensamentos filosóficos?.
Ben, vai ti a saber.



1 comentario:

  1. En verano, los festivos y los fines de semana, "regulaba" el tráfico, en el cruce de la Ramallosa, con la carretera de Vigo a Bayona con la de gondomar

    ResponderEliminar