domingo, 12 de abril de 2009

JOSE, O DOS FIGADOS ESFARELADOS



Chamábanlle José porque daquela non se levaba falar o galego. El si empregaba, máis ou menos, o que se falaba na bisbarra e sempre dicía a pouco que se conversase con el, que tiña “os fígados esfarelados”. Non se sabe por que tiña así os fígados, pero o certo é que se queixaba de que non lle daban “o suisidio” e cando reclamaba o subsidio algún dereito habería de ter a el, xa que tiña enfermado no cuartel ao facer a “mili” ou noutro oficio ou traballo do que nunca falou. Reclamábao no Concello de Gondomar, pero dicía que non lle facían caso.
Cando lle preguntabas con quen falaba no Concello e lle nomeabas a algún empregado, como era o caso de Luísa Alonso, a resposta era sempre a mesma:

- Bo, esa estache alí a darlle as mans.

Efectivamente, era mecanógrafa. A resposta era semellante por calquera que lle preguntases. Ninguén lle facía caso.

Era un home alto e forte, levaba a cachola rapada, vestía roupa usada pero non farrapenta, andaba descalzo, como a maior parte da xente do campo ou do mar, e tiña os pes feridos polo talón por mor de que se lle abrían as durezas dos calos. A fasquía non era mala.

Vivía para cima de Gondomar, en Chaín, ou quizais en Couso?. Non se sabe. Pero baixaba a miúdo á Ramallosa e sobre todo, no verán, a Praia América. Non estaba moi contento cos “señoritos” que alí veraneaban e queixábase do pouco que xuntaba coas esmolas que lle daban e alá pola tardiña, cando xa o sol se agachara detrás das illa Estelas, comentaba:

- ¡Danme unha perra! ¡Se me desen unha peseta!. Falaba das moedas que cursaban entón.

E non quedaba aí a cousa pois engadía:

- Este domingo xuntei ….. E total ¿que?. Merquei un bocadillo de queixo e marmelo para comer e deille dous reais aos xitanos e alá se foron.

Como lle dixeses que se era así ¿como lle daba dous reais a os xitanos? puña unha faciana máis de noxo que de pena e contestaba:

- Bo, ¡déronme pena!.

Pero a teima de José érache o mal que estaba.

- Andaban os bechos a comer nel e tiña os fígados esfarelados e ninguén lle facía caso para que lle desen o suisidio.

Algo de certo había de haber no que dicía José, pois axudado por non se sabe quen, nin que palillos houbo de tanguer, nin en que Organismo se fixo, pero o caso é que o José conseguiu que lle recoñecesen e desen o tal reclamado “suisidio”.

Parece que acadou unha boa morea de cartos polos atrasos que tiña que cobrar e non se soubo se conseguira botar fóra os bechos que lle tiñan “os fígados esfarelados” pois non se volveu ver pola bisbarra.


No hay comentarios:

Publicar un comentario