
Chamábanlle “Cristo”, ou “Cristo Loureiro”, aínda que non e sabe ben o motivo ou a razón deste alcuño, pero segundo un veciño a da Ramallosa o alcume veulle porque no camiño que vai dende a Porta do Sol cara a fonte do Pombal, antes de chegar á mesma, na beira dereita hai un cruceiro que fixo un canteiro chamado Loureiro. A xente deu en sacarlle parecido a bo do home co Cristo
do tal cruceiro e así comezaron a chamarlle “Cristo” e por veces “Cristo Loureiro”.

O cruceiro de Loureiro
O que si é certo é que o cruceiro agora está, agora, separado do camiño por un aramado e dentro dun solar preparado para edificar, o que nos leva a pensar de que de non ser protexido logo desaparecerá.
Era un tipo moi lambido, moi fachendoso e coidado de si; para presumir entre as mozas afeitábase as entradas do pelo da cabeza para semellarse ao galán do cine Charles Boyer que estaba moi de moda. Tiña un nariz aquilino e un queixo afiado que apuntaba cara ao nariz, e entre ambos, uns beizos finos que espallaban cuspiñazos -“perdigóns” de saliva- ao falar. Ía ben vestido, sempre á moda. No verán con camisa, pantalóns e zapatos brancos parecía un oficial da mariña que era o que se levaba naquel entón.
Tentaba seguir as mañas do “Carpas” ou do “Latas” que ían cara ao “Pabellón Azul”, o “Pavillón Blue”, de Praia América onde viñan pasar uns días uns grupos de alemáns traídos por unha axencia de viaxes. Alí fartábanse de beber cos homes, e tamén coas mulleres. Os primeiros acababan bébedos e as mulleres “alegres”. Eles quedaban a “durmir a mona” e elas marchaban para a praia ou para onde fose a botar “un canivete”.
“Cristo Loureiro” era máis afeccionado a conquistar e ter romances por iso tiña máis tendencia a buscar os “chollos” entre as mozas que pasaban as vacacións na Residencia de Patos que xestionaba non sei se “Educación y Descanso” ou os “Sindicatos Verticales”, de calquera xeito era unha Residencia controlada por algún organismo do “Glorioso Movimiento”. El tamén traballaba nun deses organismos, puidera ser o Instituto Nacional de Previsión, por iso deberíase encontrar máis no seu ambiente e sempre podería arrancar un “ligue”.
“Cristos Loureiro” érache tan fachendoso que por presumir de home importante, de xefe imprescindible, botaba a lingua de paseo e falaba, dándose moito bombo, que tiña que ir a Madrid para resolver asuntos de moita importancia. Era entón cando armado dunha ben vistosa maleta collía un tranvia cara a Vigo, claro está nas horas que máis xente viaxaba para facerse ver; ao chegar á cidade agochábase para que non o visen, e regresaba no derradeiro tranvía, tamén ás agachadas. Ao amparo da noite, metíase na casa e pechábase ata que pasasen os días que dixera ía estar en Madrid para resolver non se sabe que asunto, pero sempre era moi importante. O día que sinalaba para volver de facer tan importante xestión facía o camiño á inversa; collía o primeiro tranvía cara a Vigo, no que xa lle era máis difícil pasar desapercibido pois a esa hora o tranvia ía cheo de xente cara aos seus traballos; regresaba nun tren de media tarde, o trende Madrid naquel tempo tiña a chegada á unha e media do medíodía, e claro, xa aproveitaba para presumir cos contos do que lle pasara na Capital.
Claro que todo esta “trapallada” que montaba o “Cristos Loureiro” érache ben coñecido e comentada, pois aos tranviarios que sabían de todos estes ires e vires non deixaban de comentalo, discretamente ou mortos coa risa. Sobre todo un chamado Rotilio que sendo home serio e calado tiña moita sorna; era o mellor condutor de tranvías que habia naquel entón e o xefe da estación de Coruxo, responsable de organizar o tráfico e que se cumprise o horario marcado, botaba man del facendo que cambiase dun tren para outro nas estaciós de cruce de trens, porque era capaz de sacarlle aos trens todo o rendimento, aínda que os viaxeiros por veces alporizábanse co medo a aquelas velocidades ás que facía ir o tren. Isto ocorría con moita frecuencia pois as restricións eléctricas estaban á orde do día e non só iso, e que sempre faltaba a suministración, a "Gallega de Electricidad" botáballe sempre a culpa a que fallara a central do Tambre ou que As Conchas inda non estaba en servizo. Esta situación levou a Tranvías Eléctricos de Vigo a instalar dous xeradores eléctricos situados un na Estación de Coruxo e outro na Estación de Panxón.
Pero o Rotilio non era a única testemuña destes “affaires” do “Cristos Loureiro” pois case todos os tranviarios andaban a espreita e eran sabedores, ao igual que moitos dos viaxeiros, das súas manobras viaxeiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario